O Alcalde socialisto de Vigo é condenado pola xusticia a derrubala de urxencia pero segue negándose

terça-feira, 23 de novembro de 2010

O Concello de Nigrán e o IEM realizan unha Homenaxe a Joaquín Iglesias Portela "O carpinteiro de San Pedro", Concelleiro do Axuntamento de Nigrán (1931/1936) paseado en 1936


Salón de Plenos Concello de Nigrán - Sábado 27 novembro ás 12,00 horas

O Salón de Plenos do Concello de Nigrán será o lugar onde a familia de Joaquín Iglesias Portela recibirá de mans do Alcalde Efrén Juanes Rodríguez os restos de este Concelleiro asesiñado no outono de 1936 e no mesmo acto recibiranse os restos dun home de este municipio paseado tamén con Joaquín Iglesias pero do que se descoñece o seu nome e cuios restos serán trasladados o cimiterio civil municipal do Cean en Nigrán.

No mes de abril do pasado 2009, o Instituto de Estudos Miñoranos realizou a exhumación de cinco cadáveres en dúas fosas comúns localizadas en San Xián, concello do Rosal. Os restos foron identificados polo Instituto de Medicina Legal Xenética Forense da Universidade de Santiago de Compostela e pola Unidade de Antropoloxía Forense do Instituto de Medicina Legal de Galicia.

Na Fosa 1 atopáronse tres cadáveres de veciños de Gondomar que foron entregados aos seus familiares o 31 de xullo pasado. Na Fosa 2 apareceron dous cadáveres. A práctica forense permitiu identificar a Joaquín Iglesias Portela, veciño de San Pedro da Ramallosa (Nigrán), carpinteiro e concelleiro electo o 31 de maio de 1931 e que tomou posesión xunto co resto da corporación o 5 de xuño de 1931. Aquela corporación democrática foi destituída polo goberno radical-cedista o 25 de outubro de 1933 e reposta o 21 de febreiro de 1936. En data indeterminada, entre finais de agosto e principios de setembro dese mesmo ano, foi asasinado xunto con outra persoa que polas indagacións históricas considerase que era tamén veciño de Nigrán. Estas dúas defuncións nunca foron inscritas no Rexistro Civil do Rosal.

Joaquín Iglesias Portela foi unha das primeiras vítimas da persecución franquista, asesiñado na estrada da Guarda a Baiona, á altura de San Xián, lugar da parroquia do Rosal. Neste Rexistro Civil nunca foi asentada a súa defunción.

Joaquín Iglesias Portela nacera o 18 de xullo de 1872. Tiña pois 64 anos. Joaquín enviuvara e casara en segundas nupcias con Dolores Portela, residía en San Pedro da Ramallosa e tivo, neste segundo matrimonio, sete fillos: Eduardo, Generosa, Constantina, Pepa, Antonia, Basilisa e Ulpiano. Ao maior, Eduardo, o único en idade de traballar e gañar o pan para os seus, obrigárono a ir á guerra. No servizo maltratárono, regresou enfermo de tuberculose e morreu ao pouco tempo. Como tamén faleceron de tuberculose e fame as súas irmáns Generosa, Antonia e Basilisa.

Joaquín Iglesias Portela gañaba a vida como carpinteiro e o único mal que fixera o seu pai fora pertencer á Sociedade de Obreiros de San Pedro e pertencer a unha corporación municipal democrática que o 5 de xuño de 1931 foi constituida tras ser elexida o 31 de maio. O novo alcalde será Manuel Alonso González, O Muiñeiro de Priegue e que sufriu duramente a represión fascista, e Joaquín Iglesias Portela forma parte daquela corporación democrática.

O 25 de outubro a corporación municipal foi destituída polo goberno radical-cedista de Lerroux e Gil Robles e nomeou por decreto aos novos concelleiros; a corporación municipal ficará presidida por Ángel Costas Guisandes. Tras as eleccións de febreiro de 1936 o goberno da Fronte Popular resolve destituír as corporacións nomeadas e restituír as elixidas polos votos populares. Así aconteceu en Nigrán, e o 21 de febreiro volveu tomar posesión da alcaldía Manuel Alonso González e con el todos os concelleiros entre os que estaba Joaquín Iglesias Portela. Poucos meses despois acabarían coa súa vida.

Lembra Ulpiano, o seu fillo, que escoitaba dicir que o viñeran avisar dous mozos da parroquia, veciños, “daqueles aos que lle deron unha camisa azul”, para que se presentase no cuartel da Garda Civil de Baiona. Cando saíu da casa e virou o camiño, botáronse sobre el e levárono preso. Oíu tamén que no cuartel o torturaran salvaxemente e nese labor destacou un falanxista relacionado cunha ferraxería de Sabarís. Nunca máis regresou.

Ulpiano nunca reclamou nada. Só mantivo, en silencio, a memoria do pai, a quen non coñeceu, e o permanente recordo dunha familia indefensa á que os asasinos deixaron na miseria. Só desexaba recuperar os restos do seu pai para gardalos humildemente xunto aos da súa maltratada familia.

CORPORACIÓN MUNICIPAL DE NIGRÁN ELIXIDA O 31 DE MAIO DE 1931

(Toma posesión o 5 de xuño de 1931. Cesada polo Gobernador Civil o 21 de outubro de 1934. Reposta o 21 de febreiro de 1936 )

Alcalde: Manuel Alonso González

1º Tte. de Alcalde: Manuel Sanromán García

2ºTte. de Alcalde: Eduardo Rial Fernández

3º Tte. de alcalde: José Sanjuán Lorenzo

Rexedor Síndico: Manuel Misa Valverde

Concelleiros: José Vicente Sanromán Pérez, Rogelio Rodríguez Rodríguez, Manuel González Vidal, Manuel Estévez Iglesias, José Rodríguez Calvín, Pedro Salgueiro Rial, Joaquin Iglesias Portela, Eugenio Núñez Rouco, Antonio Rial Lomba e Manuel Costas Rial

Inaugurarase a exposición sobre os traballos de exhumación levados a cabo polo IEM nas fosas 1 e 2 de San Xián, O Rosal.

Nenhum comentário:

Postar um comentário