O Alcalde socialisto de Vigo é condenado pola xusticia a derrubala de urxencia pero segue negándose

segunda-feira, 19 de março de 2012

A voz dos ´vencidos´

Seis galegos contan como sobreviviron á Guerra Civil e a ditadura nun documental no que participan 107 vítimas do franquismo de toda España

107 testemuños de antifranquistas e vítimas da ditadura, 200 cintas gravadas e 12.000 quilómetros percorridos é o resultado de dous anos de traballo do colectivo DateCuenta no documental 'Vencidos', no que participan seis galegos. Os protagonistas denuncian as atrocidades da represión que en moitos casos viviron en carne propia e tamén debaten sobre a democracia actual que coinciden en que non era pola que eles loitaron. Para velos e escoitalos haberá que esperar a decembro, a data prevista da estrea

ALEXANDRA MOLEDO - laopinióncoruña.es 18/3/12
"Tiñamos que tirar tres tiros ás costas e dúas á cabeza. Empezaba a corneta para que nos preparásemos e logo tirabamos do gatillo (...). Todos os días había fusilamentos. Iamos cinco para tirarlle a un". Así lembra algunhas das súas vivencias durante a Guerra Civil o lucense Román Mourín, republicano que foi mobilizado para loitar nas filas do bando nacional e "obrigado" a participar no medio centenar de fusilamentos. O aviador republicano Antonio Neves, que viviu durante anos nun zulo dun metro cadrado é outro dos sobreviventes galegos da contenda. "Inventei a forma de facerme un agocho. Dentro da parede fixen un buraco onde collía de pé. Iso salvoume a vida", explica.
 
Os seus relatos están incluídos no documental Vencidos, no que o colectivo DateCuenta recolleu 107 testemuños de vítimas da ditadura para que a "loita" de quen compartiron "a ilusión por unha sociedade alternativa" non se "desvaneza", segundo comenta o fotógrafo e un dos impulsores do proxecto audiovisual, Aitor Fernández. Despois de dous anos percorrendo máis de 12.000 quilómetros por toda a xeografía española e 200 cintas gravadas, agora comeza a fase da montaxe para poder estrear o documental a finais de ano.

Xunto con Román e Antonio, outro catro voces constitúen a representación de Galicia na gravación. Toñita Fragüela e Mariquiña Villaverde, fillas de dúas familias da Coruña ou o lucense José Ramón Álvarez, que do mesmo xeito que Román a pesar de ser republicano non tivo máis opción que loitar na fronte nacional, o que o levou a un consello de guerra por desertor. Darío Rivas, nacido en Lugo aínda que vive en Arxentina desde o nove anos, tamén relata a represión que sufriu o seu pai durante a guerra. Fai sete anos, Darío fixo a viaxe á inversa, de Buenos Aires a Galicia, para desenterrar a fosa na que xacía o seu pai Severino, alcalde socialista de Castro de Rei (Lugo) fusilado en 1936. Este galego-arxentino foi o impulsor dunha querela en Buenos Aires polas desaparicións do franquismo. Á súa iniciativa sumáronse decenas de familiares de represaliados así como colectivos da memoria histórica.
Perfís

Paseados, torturados, presos políticos e sociais, desertores, orfos, guerrilleiras, nenos roubados ou do auxilio social, refuxiados a Rusia... Son só algúns dos perfís que aparecen no documental. Aitor Fernández destaca o caso da valenciana Alejandra Adoitar, unha comunista de 97 anos para quen a Guerra Civil non ten que ver coa guerra dos ricos contra os pobres. Tamén lembra a historia de María Martín, unha muller que está de actualidade pola súa declaración no xuízo contra o xuíz Baltasar Garzón polas desaparicións do franquismo e que desde o nove anos sufriu a depuración do aceite de ricino. E a da catalá Concha Pérez, denominada como "a paradigma da memoria" polo fotógrafo leonés. Esta miliciana anarquista rexentou unha mercería na cidade condal durante toda a súa vida e desde o inicio da democracia decidiu transmitir as súas vivencias e a súa mensaxe aos estudantes.

A pesar de que 62 dos entrevistados son homes fronte a 45 mulleres, a presenza feminina foi "prioritaria" no proxecto porque son "as que menos falaron na historia". Aitor Fernández insiste en que este non é un traballo "puramente de memoria histórica", xa que os protagonistas conectan a súa traxectoria vital nos anos da represión coa actualidade. "Non abandonaron a loita e aínda teñen moito que dicir", afirma. Desde ideoloxías distintas os entrevistados comparten que non hai "unha verdadeira democracia" hoxe en día e que a vida sería "diferente" se se deixou existir á República. Ademais, coinciden en que a dos anos 60 tampouco era unha "verdadeira República" porque se fose así "non habería tantas vidas rotas nin se sufrirían tantas represalias". Á hora de contar as súas vivencias. Fernández distingue aqueles que falaban "con medo" e outros "con ansia de que se coñeza a súa verdade.

Estas historias silenciadas durante décadas sairán á luz no mes de decembro. O equipo de gravación composto por dez persoas traballou de forma voluntaria na iniciativa sen percibir ningunha compensación económica. É máis, todo o diñeiro necesario para o material e os desprazamentos ao lugar de residencia dos entrevistados saía do seu peto ou de actividades deseñadas pola súa conta como un mecenado online co que conseguiron a cantidade necesaria para terminar a cinta despois de esgotar os fondos.

Ante a ausencia de subvencións de organismos oficiais a autogestión foi a fórmula que lles permitiu converter esta idea en realidade. "Pedimos unha subvención ao Ministerio de Presidencia de 29.000 euros pero non nola concederon alegando problemas coa documentación sen avisarnos para enviar a información correcta", sinala Fernández. Por iso, o equipo espera recuperar coa difusión do documental os 60.000 euros investidos que custaría se os participantes cobrasen polas horas dedicadas a este traballo.

Co obxectivo de sacar adiante a gravación, os profesionais contaron coa colaboración de máis de medio centenar de asociacións de memoria histórica, ademais de historiadores implicados co tema que foron pezas crave na selección dos testemuños ao recomendar e pór en contacto aos creadores do proxecto audiovisual cos protagonistas máis representativos de cada comunidade.

A difusión está prevista para finais de ano pero as canles nos que se proxectará aínda son unha incógnita. Fernández dubida se será posible distribuílo en televisións oficiais polo contido do material. "Non imos cortar nin unha soa frase de ningún dos protagonistas para que sexa algo politicamente correcto e poida entrar na televisión", asegura o fotógrafo, quen insiste en que o seu obxectivo non é "comercializar coa memoria", senón cubrir o investimento realizado.

O que ten claro é que xa sexa pola pequena pantalla ou a través doutras canles alternativas como internet Vencidos "chegará ao público". De feito, aínda que na montaxe do vídeo é inevitable cortar horas de conversación, os testemuños subiranse integramente á páxina web de DateCuenta e tamén está previsto realizar unha exposición fotográfica en varias cidades españolas.

Seis galegos que viviron o franquismo en primeira persoa ou cuxos familiares sufriron diversas torturas nesa época botan a vista atrás e lembran a súa historia en Vencidos. A provincia da Coruña está representada polas irmás Toñita e María Fragüela e Mariquiña Villaverde, fillas de vítimas da represión. Os lucenses Román Mourín (arriba) e José Ramón Álvarez tiveron que loitar na fronte fascista a pesar de ser republicanos, do mesmo xeito que o aviador republicano Antonio Neves (abaixo). O arxentino Darío Rivas, fillo dun alcalde socialista fusilado en 1936, completa a representación galega.

Nenhum comentário:

Postar um comentário