O Alcalde socialisto de Vigo é condenado pola xusticia a derrubala de urxencia pero segue negándose

segunda-feira, 22 de outubro de 2012

“Para os cregos comprometidos a súa foi unha loita que a Igrexa non aproveitou”

 
Diario de Ferrol.- Nicolás Vidal 14/10/12
É lugar común destacar a loita e o compromiso que os cregos de Ferrol tiveron nos anos 60 e 70 coa clase obreira e contra o franquismo. Folgas, represións e cárcere salferen a súa biografía. Esta historia vén de ser documentada pola investigadora e profesora da Universidade Complutense Rosa Cal, quen analizou en profundidade as características como grupo deses sacerdotes e os problemas e dificultades que lles causou a oposición á ditadura. Botando man tanto de fontes orais como dun exhaustivo traballo de investigación, compuxo “Los curas contra Franco. Ferrol 1950-1978” (Edicións Embora) que se presentou o venres ás 18.30 horas na Galería Sargadelos.
A autora estará acompañada polo profesor Xosé Luís Barreiro Rivas e un dos seus protagonistas, Antón Martínez Aneiros.

Na España dos anos 60 e 70 só houbo cregos antifranquistas en Ferrol?
Non, niso esta comarca non foi excepcional porque tamén os houbo en Cataluña, País Vasco, Madrid ou Andalucía. O que fixo diferente a Ferrol foi o feito de que aquí había unha enorme influencia militar, que foi unha das causas da súa toma de postura, como no sucedido na procesión do Corpus do ano 68, que demostrou o gran poder do exército. Iso levou ao grupo a unha concienciación. Ademais hai que dicir que eles comezan a comprometerse cos obreiros en Ferrol, porque antes, moitos estaban no rural facendo un traballo rutinario.

Quen formaba parte dese grupo?
Investiguei especialmente o labor de Cuco Ruiz de Cortázar, Antón Martínez Aneiros, Xosé Chao Rego, Ángel Ferreiro Currás, Gabriel Vázquez Seijas e Vicente Couce, pero hai outros moitos que van aparecendo ao longo do libro.

Que os une a todos eles?
Unha mesma utopía, o tratar de facer unha relixión do aquí e agora. É unha xente que se compromete cos pobres e os obreiros. Hai que pensar que o seu labor está fornecido polo Concilio Vaticano II, que os apoia teoloxicamente porque eles non son tolos. Por outra banda, o bispo Argaya crea en Ferrol a Domus Ecclesiae que se converte no lugar de reu-nión e reflexión de todos eles. Ademais é unha xente que ten contacto con fóra, con Madrid ou no extranxeiro.

Hai quen fala de curas comunistas, pero foi tan evidente esa relación?
Non é certo, eles non entraron na loita partidista. De feito ningún se afiliou ata secularizarse ou anos despois. Vicente Couce afiliouse a Esquerda Unida hai tres anos! Eles entenden o seu traballo como unha prolongación natural do seu sacerdocio. Eles abren as igrexas e as sacristías nun momento en que nace CCOO, que a súa vez está cheo de xente da JOC (Juventud Obrera Católica) e HOAC (Hermandad Obrera de Acción Católica).

Como foi o traballo de investigación?
A investigación oral non abondaba porque a xente trabúcase. O bo é que as fichas da policía político-social informaban ata dos libros que lían todos eles. Rexistraban todo aínda que non sempre era verdade, porque tiñan que esaxerar porque senón non había razón para castigalos.

E foron castigados e ata pasaron pola cadea.
Si, pero como moito os seus delictos foron propaganda ou asociacionismo ilegal, ou cousas tan absurdas como atoparlles unha canción. Pero tíñano claro. Xente como Vicente Couce ás dúas semanas de saír da cadea de Zamora xa estaba manifestándose. Non podían con eles.

Tivo problemas nos arquivos?
Nalgúns si. Tiña que entregar xustificantes e permisos varios. Entrar no arquivo da diócese é imposible, din que teñen que pasar 80 anos... díxenlles que me coidaría pero non sei se chegarei alá. O do Ministerio do Interior foi un búnker, tiven que insistir tres anos e non entregaron a documentación como deberían.
Que novidades aporta o libro?
Hai unha narración de Aneiros do interrogatorio tralos sucesos de marzo do 72, que é un modelo de intimidación do que lle facían aos curas comprometidos. Tamén hai unha carta de Couce ao pai desde o cárcere que lle expresa ao pai dúbidas do seu papel dentro dunha Igrexa xerárquica que non os comprende. Tamén hai unha carta de Vázquez Seijas a primeira vez que o deteñen trala folga de Peninsular Madereira. Botáronlle en cara que era comunista, cando el era un home tradicional e de dereitas pero moi implicado co mundo obreiro. El escribe un texto moi duro ao comisario no que bota a culpa do asasinato do seu pai en Teruel na Guerra Civil pola desidia e traición dos compañeiros franquistas. Esta copia da carta conseguina no Ministerio do Interior, pero estaba censurada por alguén na actualidade...

Para rematar, a maioría dos curas obreiros secularizouse. Que visión teñen deses anos?
Que foi un tempo perdido para a Igrexa que non aproveitou a súa loita para renovarse. A nivel persoal, foi un tempo valioso de toma de conciencia social. É unha historia que é parte de Ferrol, de España e da Igrexa.

Um comentário:

  1. lembro aquelo de "agua que no has de beber ..." , todo un exemplo éstes curas, ...

    , mais Roucos, ben firmes no clasismo medieval é o que as xerarquias queren.

    ResponderExcluir