O Alcalde socialisto de Vigo é condenado pola xusticia a derrubala de urxencia pero segue negándose

domingo, 22 de julho de 2012

Homenaxe en Ares aos veciños da comarca presos en Mauthausen, 26 e 27 de Xullo


Ártabra 21 - 20/7/12
Organizado por: Concello de Ares, Asoc. Memoria Histórica Democrática e Asoc. Cultural Fuco Buxán, coa colaboración de: Deputación de A Coruña, Asoc. Amicale de Mauthausen, EAF Produccións, e os Concellos de Ferrol, A Capela, Cedeira, Fene, Miño e Monfero.

Celebrara-se en Ares, os días 26 e 27 de xullo:

Homenaxe aos nosos veciños presos en Mauthausen
(Vítimas das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal)



Xoves, 26 de Xullo:

·Ás 19,00 hs, na Casa da Xuventude:

-Inauguración Exposición fotográfica "Os nosos veciños de Mauthausen".

-Presentación da Documental de Xosé Abad: "Galegos en Mauthausen" (15 min.)

·Ás 20,00 hs, no Parque Rosalía :
-Inauguración do Monumento en homenaxe aos veciños das comarcas Ferrol-Eume-Ortegal presos en Mauthausen.

Venres, 27 de Xullo:
 
Ás 19,30 hs, na Alianza Aresana:

Conferencia-Coloquio, na que intervirán:

-Ana María Sánchez Alcubierre, da Asoc. Amical de Mauthausen.
-Enrique Barrera Beitia, da Asoc. Memoria Histórica Democrática.

Repartirase o libro: "Galegos en Mauthausen".

Entrada libre aos actos até completar aforo.

segunda-feira, 16 de julho de 2012

Texto de Pablo Iglesias Núñez na Illa de San Simón


Texto cedido polo autor

15/07/2012 Pablo Iglesias Núñez, fillo de Mercedes Núñez Targa, presa no cárcere de Ventas en Madrid e deportada no campo de concentración nazi de Ravensbrück
Bós días. Grazas a todas e a todos.pola vosa presenza neste lugar da Illa de San Simón un ano máis.
É una ledicia ver hoxe eiquí tanta xente nova loitando pola recuperación da memoria e da dignidade. ¡Por fin xa temos relevo!.
O escritor luso José Saramago, Premio Nobel de literatura, escribía nos seus “Cadernos de Lanzarote”: “Somos a memoria que temos e a responsabilidade que asumimos. Sin memoria non existimos, sin responsabilidade, quizáis non merezcamos existir”.
Iste deber de memoria é o que nos une hoxe eiquí.
Cando lle decían a minha nai como se atrevía a chamarlle campos de concentración aos campos de acollida para os refuxiados republicáns espanhoes en Francia e si non había diferencia cos campos de concentración nazis, ele repostaba:
“Craro que hai diferencias. Nos campos de concentración en Francia e nos campos de concentración nazis, había homes e mulleres privados dun ben esencial, a liberdade. A liberdade de pensar, a liberdade de crear, a liberdade de vivir. En ámbolos dous casos había homes e mulleres despoxados da súa dignidade. En ámbolos dous casos había malnutrición, fame, enfermidades, castigos. En ámbolos dous casos había alambradas e miradores. A diferencia era que nos campos de concentración nazis, había cámaras de gas e eliminaban os que non servían xa para traballar e nos campos de concentración en Francia, non había cámaras de gas, non os mataban, simplemente os deixaban morrer”.
¿Podemos chamarlle a este lugar da Illa de San Simón, campo de concentración? Ben é certo que non son nin historiador nin un purista da lingua. Neste lugar no que nos atopamos hoxe, había homes privados de liberdade e despoxados da súa dignidade. Había desnutrición, fame, enfermidades, castigos, sacas e fusilamentos. As alambradas eran o mar que rodea a Illa.
Quero citar agora algunhas frases dun traballo de Gonzalo Amoedo que ten por título: “O penal de San Simón. Neste traballo, recolle esa analise de Ángela Cenarro:
“ A novidade que trouxo a sublevación militar de 1936 foi que a fidelidade á República pasou a ser delito, e o golpe de estado rematado na guerra, ao acabar co Estado de dereito, impuxo a xustiza do revés.”
Explica Gonzalo como o novo Estado implantouse sobre a represión na retagarda, ateigada de mortes selectivas para descabezar os movementos sociais organizados arredor dos valores republicanos, anarquistas, socialistas, comunistas ou nacionalistas dirixidas a destruír para sempre a democracia que representou a República, impedindo que no futuro xurdise a menor disidencia e oposición.
Hai que recordar que unha vez iniciada a sublevación, o xeneral Mola insistirá ao dicir:
“es necesario propagar una atmósfera de terror…”.
Afirma Gonzalo que os fusilamentos, as depuracións de funcionarios, os expedientes de responsabilidades políticas, as incautacións de bens, as sancións económicas, as inhabilitacións e o legado que deixou todo aquilo foi tremendo, e os estigmas aínda seguen visibles.
Demostra que houbo un plan global perfectamente concibido por altas e preclaras mentes, que pretendían descabezar definitivamente a contestación, a intelixencia deste país. Non é difícil entender que no fragor orixinado polas matanzas, sacas, fusilamentos e movementos de presos dun a outro penal, a moitos deles se lles escapara que o fascismo era un movemento perfectamente organizado e encamiñado a destruír o movemento obreiro, os avances igualitarios
Estou de acordo con Gonzalo Amoedo cando din cos campos de concentración e cárceres convertéronse en lugares onde os malos tratos, a fame e a degradación do ser humano foron rasgos definitorios da nova orde que se estaba a construír, complementarios por tanto das sacas e os fusilamentos.
En principio, o recinto da Illa de San Simón destinouse a acoller preventivos á espera dos consellos de guerra. A meirande parte serían xulgados por adhesión ou auxilio a unha rebelión da que foran os seus xuíces os protagonistas e non eles, e moitos, serán sacados polas noites sen agardar polo procedemento xudicial, sendo asasinados en diversos lugares da provincia. Un dos inquilinos de San Simón, o redondelán Jesús Bernárdez Gómez, recordaría , a propósito das saídas diarias:
“Todos los días a las 8 de la noche pasaban lista. Primero nombraban a todos y, luego, nos pasaban a otras estancias y volvían a pasar otra lista, más pequeña, de nombres. ¿Para qué? Para salir, llevarlos en la lancha y darles el “paseo”. Ese momento era realmente brutal para todos.
Outra desas constantes eran as pésimas condicións de vida, que conlevaron, ademais de ás múltiples mortes por inanición e falta de hixiene, a que o preso Francisco Secundino Martínez Rodríguez, de Moaña, se volvera tolo, ou que Francisco Vázquez López e Diego Domínguez Vera se suicidaran colgándose polo pescozo, mentres que Pedro Falcón Pomar suicidábase afogándose no mar.
A este panorama uniuse trala caída da fronte do norte o barco Upo Mendi, ancorado preto das illas, ateigado de prisioneiros asturianos, leoneses, santanderinos e vascos, que malvivían naquel angosto espazo nunhas condicións aínda peores que as dos seus compañeiros.
A dicir de Braulio González, aprendiz nunha ebanistería local na que se fabricaban os ataúdes e fillo dun paseado, houbo un tempo no que era raro o día no que non había unha ou dúas destas viaxes macabras. No período comprendido entre o 1 de xullo e o 3 de agosto de 1941, un período no que xa cesaran os paseos e fusilamentos en masa, Xosé Carlos Abad Gallego contabilizou 251 mortos, e durante toda a vida do penal a cifra chegará, sempre segundo este investigador, a 517. ”
En Galicia, non hubo campos de batallas, so hubo campos de concentración: Camposancos, Santa María de Oia, A Illa de San Simón, Figueirido, Lavacolla, Rianxo, Muros de San Pedro, Betanzos, O Ferrol, Cedeira e Ribadeo. En Galicia, hubo tamén cadeas como a e Vigo, a de Coruña, o Mosteiro de San Salvador en Celanova e o Campo da Rata na Coruña.
O único crime que cometeron istas mulleres e istos homes represaliados, non foi de “auxilio a rebelión” do que foron acusados. Non. O único crime que cometeron foi creer nun ideal de xustiza e liberdade, defendendo un goberno lexítimo, o goberno da Segunda República contra o golpe dos xeneráis facciosos que provocó unha guerra incivil.

Que pensar dunha sociedade, a sociedade española, que non foi capaz de xuzgar o xenocidio franquista, pero foi quén de esixir una Comisión da Verdade en Arxentina, e xuzgar a Pinochet e, pola outra banda, de sentar no banquillo dos acusados ao xuiz Garzón.
Que pensar dunha sociedade, a sociedade española, que foi quén de facer una Transición, más bén Transacción, ca súa inxuriosa Lei de amnistía de 1977.
Que pensar dunha sociedade, a sociedade española, que non foi capaz de dotarse dunha Lei de Memoria que nos hubera permitido recuperar a dignidade dos combatentes antifascistas e de todolos represaliados do réximen franquista.
Que pensar dun Concello, o Concello de Vigo, que nos aldraxa aínda ca Cruz do Castro aos voluntarios da División AzuL.
A moral do nacional-catolicismo aínda impera neste país.
Debemos impulsar de novo a batalla pola Comisión da Verdade e pola anulación de todolos xuizos do franquismo.
O terror franquista fixo que durante xeneracións non fóramos capaces de asimilar a nosa propia experiencia e non nos atrevamos a comparar, a asociar e a pensar. Ese terror impidiú que coñecéramos a nosa historia. Consiguiú que non se falase dentro das propias familias.
Os fascistas quixeron soterrar nas esquencidas cunetas e con un tiro na nuca aos homes e mulleres e os seus ideáis. Pero os ideáis dunha causa xusta non morren ni desaparecen e hoxe están moi vivos en millóns de corazóns.
Temos unha responsabilidade de vixíancia fronte o contexto europeo actual, debido o resurxir dos movementos da ultra dereita.
Bertolt Brecht, dramaturgo e poeta alemán escribía: “¡Aínda é fecundo o ventre de onde veu a besta inmunda!”
Igual cos deportados nos campos de concentración nazis no día da súa liberación, alzemos a voz para berrar: “¡NUNCA MÁIS!”.

¡VIVA A REPÚBLICA!

¡A POLA TERCEIRA!

Vídeo da homenaxe nacional ás vítimas do franquismo San Simón 2012

quarta-feira, 11 de julho de 2012

Concentración en Vigo en solidaridade co sector mineiro


O vindeiro martes día 10 de Xullo os mineiros chegan a Madrid na súa Marcha Negra. Izquierda Unida apoia a resistencia mineira e a súa loita polo que os recibirán en Madrid á súa chegada e marcharán con eles o día 11 na Manifestación.

En Esquerda Unida na nosa comarca queremos apoiar tamén esta causa e amosar a nosa solidariedade obreira, polo que convocamos xunto con PCG e XCG unha Concentración o Mércores día 11 de Xullo ás 19:00h diante do MARCO (Rúa do Príncipe, Vigo).
 Quen poida, que acuda con camiseta, camisa…negra, así o farán tamén en Madrid para recibilos.

terça-feira, 10 de julho de 2012

Homenaxe nacional ás vítimas da represión franquista 2012


As novas xeracións da memoria
Nas vésperas da infausta data do 18 de xullo temos outra vez a oportunidade de lembrar ás vítimas da represión franquista na Galiza nun acto nacional a celebrar na illa de San Simón. Desta volta a intención é poñer a mirada nas novas xeracións da memoria. Descendentes de vítimas mais tamén mozos e mozas quen sen ter un vencello familiar se achegan a memoria como un xeito de comprender o presente que se lle legou.

Os actos celebraranse o domingo 15 de xullo na Illa de San Simón. Comezará coa presentación do proxecto documental “A pegada dos avós” no auditorio e a actuación musical de Samuel Acuña e Elena Romero. Logo de visitar as instalacións da outrora Colonia Penitenciaria farase unha ofrenda floral e solta de pombas no cemiterio, coas intervencións de Pablo Iglesias Núñez (Fillo de Mercedes Núñez, internada no campo de exterminio nazi de Ravensbruck e representante para Galiza de Amical de Mauthausen), Valentín García Bóveda (Neto de Alexandre Bóveda e Secretario da Fundación que leva o seu nome) e Ana Aller (Neta de Enrique Gómez, fuxido e asasinado no 1937).

sábado, 7 de julho de 2012

As redes nazis apuntaron á Coruña

Emilio Grandío. / foto Fran Martínez

Unha investigación de historiadores de Santiago e León constata o papel estratéxico de Galicia no desenvolvemento do franquismo e no rumbo que tomou a II Guerra Mundial

Laopinioncoruña.es 7 de xullo de 2012 A. Gonzalo Liste- A Coruña
A II Guerra Mundial difúndese dunha "maneira tópica" debido ás fontes utilizadas. Así o asegura Emilio Grandío, profesor de historia da Universidade de Santiago e coautor de War Zone. A Segunda Guerra Mundial no Noroeste da Península Ibérica, un libro froito dunha investigación que aínda continúa activa, encargada e financiada polo Ministerio de Presidencia.

O libro está editado por Emilio Grandío e Javier Rodríguez González, profesor da Universidade de León, no que participan ademais os historiadores Alejandro Rodríguez, Javier Revilla, Eliseo Fernández e Diego Castro.

Con esta investigación, os historiadores pretenden descubrir o funcionamento das redes de clandestinidade de informadores e que había baixo a imaxe oficial do franquismo durante a II Guerra Mundial. Grandío resalta que durante a investigación descubriron datos que apoian a tese de que o noroeste da península ibérica foi un terreo estratexicamente importante e relevante non só no desenvolvemento do franquismo senón no propio rumbo da II Guerra Mundial. Segundo Grandío, o libro é o resultado de estudar unha realidade que non está expresa. "Nesta zona aparece unha inmensa rede de informadores de varios servizos de intelixencia tanto das potencias aliadas como da Alemaña nazi. Precisamente a rede nazi instálase en zonas como A Coruña e Vigo", manifesta Grandío. O profesor de Historia destaca ademais que todo o norte de España, especialmente Galicia, xoga un papel fundamental no rumbo da II Guerra Mundial. O profesor da USC asegura que hai varias razóns que explican a relevancia desta zona: "Primeiro por unha cuestión estratéxica, o noroeste é vía comunicativa tanto marítima como de tráfico aéreo. En segundo lugar unha importancia económica, o wolframio é un material altamente valioso en tempos de guerra e tres cuartas partes da cantidade mundial deste mineral saían desta zona".

E agregou que se debe ter en conta "a propia importancia que ten a zona tras a Guerra Civil española" por todos os que tiveron que fuxir e a rede de clandestinidade no medio dunha forte represión franquista.

"Para toda esta sociedade o rumbo da II Guerra Mundial é decisivo sobre todo se se orienta cara ao triunfo dos aliados, explica.

"Tentamos realizar un perfil deste territorio, que para os continxentes da II Guerra Mundial é un territorio de combate máis, pero é moi importante pola súa conxuntura, a cal provocou unha forte oposición ao réxime franquista na zona", conclúe.

quinta-feira, 5 de julho de 2012

Nota de prensa da entrega dos restos de membros da corporación republicana de Boimorto aos seus familiares


Entrega dos restos de membros da corporación republicana de Boimorto aos seus familiares no acto do pasado día 24 de xuño.

A Caitán García Vázquez, de 42 anos, Isidro Filloy López, de 46 e Andrés Filloy asasináronos o 20 de agosto de 1936. Non morreron sós. Na nota de prensa e no libro Memoria dun Silencio, de Xosé Luís Rivas Cruz, Mini, relátanse os feitos do asasinato dunha corporación municipal case ao completo, e de outras persoas, até chegar a 11.

O avó paterno de quen redacta esta nota, xunto con outro veciño, enterrounos a punta de pistola falanxista.

Meu avó e o seu compañeiro e veciño, Maimixe, mentres tiveron folgos, mantiveron limpas as súas tumbas, á beira da gabia da estrada vella de Compostela a Lugo, nun lugar que aínda é coñecido como a Chousa dos Mortos.

Foi un traballo colectivo, o de recuperación dos restos, aínda que hai unha persoa que puxo toda a súa vontade e empeño para que isto fose posible. Como é de natural discreto, non vou escribir o seu nome. Algúns temos a sorte de saber quen é, e mais tamén de coñecelo e gozar da súa amizade.

Saúde e Memoria.
Xosé Luís Santos Cabanas

Nota de Prensa:

Sen campás
24 de xuño de 2012. Boimorto.
Pola hora solar aínda non era mediodía cando nos reunimos no Salón de Actos da Casa do Concello. O local estaba cheo. Familiares de vítimas do 36, veciños, persoas da Asociación para a recuperación da Memoria Histórica (ARMH), algunhas doutras asociacións. Tratábase de lle entregar os restos, identificados despois de analizar o seu ADN, de Isidro Filloi López, de 46 anos, Andrés Filloi, de 18 e Caitán García Vázquez, de 46, asasinados en agosto do 36, nunha gabia do Amenal, O Pino. Cunetas, cunetas, cunetas, Rodríguez Fer, Galicia ametrallada nas cunetas, Pimentel. Sen campás e sen protestas.

Intervención breve e directa do alcalde, José Portos Vázquez, que asegura que seguirá colaborando na procura dos restos dos veciños de Boimorto que correron a mesma sorte atroz, once en total. Sinxelamente, porque cre na democracia. Breve tamén Marco, o representante da ARMH, ou sexa dos voluntarios e voluntarias que realizan traballos co fondo interese de quen non procura remuneración económica, que abordan tarefas que debían afrontar os poderes do Estado que hogano só parecen mirar para e polos cartos dos banqueiros. Lucía, portavoz das familias, contén con grande esforzo a súa emoción para que nos chegue ben nítida a súa mensaxe: cómpre coñecer o que nos pasou para que non volva acontecer. Xosé Luís Rivas Cruz, Mini, intenso, palabras en fervenza, como o traballo en cadoiro que, coa teimosía de quen ten claro que a Memoria debe ser restaurada, o traballo que desenvolveu para que sexan posibles actos coma o deste día tan limpo de comezos de verán.

A emoción anegou a sala. Aplausos en lembranza das vítimas e en homenaxe á II República Española, moito máis vehementes que as cores borbónicas das bandeiras que nos invaden con pretextos futboleiros.

Pola tarde os enterros. Isidro en Céltigos, Frades, pois así o quixo a familia. O crego non apareceu, seica andaba moi ocupado. No silencio escoitábase como asubiaba, ao saír do tubo, a silicona que selaba a tampa.

En Andabao, na mesma fregresía onde o cura de entón acirrara á Besta 36 que matou os 11 veciños, alí si que, con discreción, o párroco actual despide en galego a Andrés e Caitán. Mortes moito, moito máis incomprensíbeis que outras, nas súas palabras.

Sen campás. Con fonda emoción. Con longos e quentes aplausos.

Xosé Luís Santos Cabanas
Secretario da Oliveira de Teo, asociación para a Recuperación da Memoria Histórica e defensa do Patrimonio Inmaterial.

P.S. Fican outros dous cadáveres de veciños de Boimorto no Amenal, e outros seis en Ortoño. Están empeñadas en seguir na súa procura, a ARMH e a Agrupación de Familiares das Vítimas do 36 de Boimorto. Apoiemos a súa iniciativa.

Claudio Rodríguez Fer, doutor honoris causa pola Universidade da Alta Bretaña


O acto de investidura tivo lugar en Rennes o pasado 28 de xuño

Traducción Estación Atlántica

Claudio Rodríguez Fer, Poeta e militante da memoria

Claudio Rodríguez Fer, poeta, narrador e ensaísta galego, é autor dunha vintena de obras de creación e dunha trintena de investigación. Director da Cátedra Valente de Poesía e Estética da Universidade de Santiago, da revista universitaria Moenia e dos cadernos Unión Libre. Foi profesor nas Universidades da Cidade de Nova York, da Alta Bretaña en Rennes e de Bretaña Sur en Lorient. Publicou, disertou e recitou en numerosos lugares de Europa, América e África. Está traducido a numerosos idiomas, incluídos o francés e o bretón, e recibiu o Premio da Crítica Española polo poemario Tigres de ternura.

É membro fundador e presidente da Asociación para a Dignificación das Vítimas do Fascismo (de Lugo), na cal levou adiante numerosos proxectos de recuperación da memoria histórica en Galicia: actos reivindicativos, recitais poéticos, escenificacións teatrais, filmaciones cinematográficas e levantamento de monumentos. Ademais, colaborou con outras moitas asociacións en actos diversos, particularmente coa Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica.

Considerado o poeta da memoria en Galicia, dedicou a este tema, presente en toda a súa obra, tres poemarios monográficos: Lugo blues, sobre a represión na súa cidade natal; A Loita continúa, sobre a
represión en Galicia en xeral, e Ámote vermella , obra sobre as mulleres represaliadas, as máis esquecidas entre os esquecidos. Moitos destes poemas foron reproducidos en libros colectivos e antoloxías diversas en relación coa memoria. Ademais, falou e recitou poemas da memoria en diversos países do mundo.

Algúns poemas seus foron expostos ou están inscritos en espazos públicos en homenaxe ás vítimas do fascismo:

-Inscrición de homenaxe ao Doutor Rafael de Vega Barrera (médico asasinado en 1936), en bronce, Lugo, inaugurado en 2006.

-Poema "A Juana Capdevielle" (bibliotecaria asasinada en 1936), en bronce, Parque Juana Capdevielle, Rábade (Lugo), inaugurado en 2008.

-Fragmentos de Ámote vermella, exposición "Vermellas. Chamábanlles vermellas", Campus Universitario de Lugo, en 2009, e Casa da Cultura de Vigo, en 2010.

-Poema "Paz para sempre", sobre pedra, Memorial polas Vítimas da Represión Franquista, Parque Escultórico da Torre de Hércules, A Coruña, inaugurado en 2010.

Poema "Pombas! Pombas!! Pombas!!!", sobre aceiro corten apoiado en granito, Cangas de Morrazo, inaugurado en 2011.

Dentro do xénero teatral escribiu "As costureiras", obra sobre a represión de 1936 representada en distintos lugares de España e Portugal co título de Km. 526, cuxo título referir ao momento en que foi achado sen vida o corpo da moza intelectual republicana Juana Capdevielle.

Co desexo justiciero de cubrir un oco existente no mundo universitario e académico, realizou a súa tese doutoral sobre "A literatura galega durante a guerra civil", investigación pioneira que obtivo a máxima cualificación española (cum laude e, posteriormente, Premio Extraordinario de Doutoramento), dando orixe ao libro A literatura galega durante a guerra civil, que recibiu á súa vez o Premio Losada Diéguez de Investigación.

Ademais, publicou numerosos libros e estudos sobre autores exiliados por mor da guerra civil, como Cernuda, Castelao, Dieste, Granell, Compostela ou Valente, así como sobre outros escritores perseguidos ou encarcerados polo franquismo, como Pimentel, Anxo Johán, Carballo Calero ou Fole.

Así mesmo, coordina os cadernos Unión Libre, comprometidos coa recuperación da memoria histórica, como mostran os tres volumes dedicados ao tema: "Memoria antifascista de Galicia", "Vermellas" e "A voz dás vítimas de 1936", este último aberto ademais á fraternal solidariedade cos fillos e as fillas do exilio en Bretaña.

Presentación en Vigo do libro "War Zone. La segunda guerra mundial en el noroeste de la Península Ibérica"


O xoves 5 de xullo, presentase en Vigo o libro War Zone. La segunda guerra mundial en el noroeste de la Península Ibérica (Eneida, 2012), dos profesores Emilio F. Grandio Seoane (USC) e Javier Rodríguez González (U. de León).

No acto intervirán: Emilio Grandío Seoane, Javier Rodríguez González que serán presentados polo IP de Nomes e Voces e Catedrático de Historia da USC Lourenzo Fernández Prieto.

O acto terá lugar ás 19:30 horas na Casa do Libro de Vigo (Rúa Velázquez Moreno, 27

Proxecto de Investigación "Nomes e Voces"
Edificio Monte da Condesa, s/n 2º andar
Campus Sur
15782-Santiago de Compostela