O Alcalde socialisto de Vigo é condenado pola xusticia a derrubala de urxencia pero segue negándose

sexta-feira, 29 de novembro de 2013

Diario dun estradense fuxitivo

Manuel Couto, xunto aos seus fillos Lolita e Gerardo

Publican as vivencias dos dous anos de escapada de Manuel Couto
O ano dedicado á Memoria Histórica deixouse no tinteiro moitas historias locais da Guerra Civil. Dous delas acaban de ser recuperadas pola asociación Vagalumes. Onte presentou o diario dun republicano estradense que viviu máis de dous anos «escapado» e mañá brindará unha homenaxe pública a Higinio Carracedo, un heroe da resistencia antifranquista que foi capturado e abatido a tiros na parroquia de Somoza.

Memorias dun proscrito é o título da publicación que recolle as vivencias do veciño de Guimarei Manuel Couto Chan. O texto está dispoñible na web www.tabeirosmontes.com, onde se pode consultar tanto o manuscrito orixinal como a versión transcrita.

Couto era orixinario de Couselo (Cuntis) e rexentou varios negocios en Arxentina. En 1926 regresou e abriu unha carnicería na praza de abastos da Estrada. No 34, co gallo da revolta de Asturias , foi acusado de cortar a liña de telégrafo e ingresou en prisión. No 36 indultóuselle. Foi presidente do Partido Republicano Radical Socialista da Estrada, segundo tenente alcalde e deputado provincial. Co estalido da Guerra Civil converteuse nun dos líderes republicanos máis buscados.

Cando a finais de xullo Manuel Couto decatouse de que figuraba na lista negra dos falanxistas, botouse ao monte. En principio dirixiuse cara á zona de Cuntis, que coñecía ben. Camuflouse no monte Xesteiras. Despois viviu escondido nalgunhas casas de Guimarei. Acabou dirixíndose cara a Somoza, onde foi localizado o 28 de novembro de 1938 na contorna do domicilio do seu camarada Higinio Carracedo. Falanxistas e Gardas Civís atopárono escondido, xunto a outro escapado de Guimarei, nun alpendre, baixo unhas táboas sobre as que se almacenaba toxo.

Manuel Couto e o seu compañeiro foron torturados para que sinalasen onde se atopaba Carracedo, pero non chegaron a desvelar o seu agocho na cheminea do forno. Tras a detención, Manuel Couto estivo preso na Estrada, onde se lle fixo entrar esnaquizado e atado ao rabo dun cabalo da Garda Civil. Estivo prisioneiro tamén na Parda, O Dueso e finalmente no campo de concentración de Brunete, en Madrid. Alí pasou 10 anos condenado a traballos forzados, picando pedra en condicións infrahumanas. No 45 foi indultado e volveu á Estrada. Tiña tuberculose e faleceu un ano despois.

Nenhum comentário:

Postar um comentário