O Alcalde socialisto de Vigo é condenado pola xusticia a derrubala de urxencia pero segue negándose

sexta-feira, 21 de novembro de 2014

O Concello da Coruña terá que responder ante a xustiza por manter rúas franquistas

Placa da rúa División Azul na Coruña
Praza.gal - Miguel Pardo 19/11/14
O xulgado do contencioso-administrativo número 4 da Coruña vén de admitir a trámite o recurso interposto pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) contra o Concello da cidade polo incumprimento dos acordos municipais do propio goberno local para a retirada de máis de trinta símbolos franquistas aínda presentes na urbe e por incumprir tamén con este desleixo a Lei da Memoria Histórica, aprobada en 2007, e que exixe a retirada de todo tipo de simboloxía franquista por parte das administración
 
Con esta admisión a trámite, o Concello terá agora que achegar toda a documentación que teña sobre ese presunto -pero evidente- incumprimento do acordo plenario e da lexislación e ante o silencio que se lle deu por contestación á CRMH da Coruña tras varios requirimentos. "Ante a falta de resposta, houbo que recorrer ao xulgado para que o goberno local cumpra a lei e os seus propios acordos", lembrou Pablo No Couto, avogado do colectivo, que lembra que un caso semellante ocorreu en Vigo cando, ante o desleixo da administración local, a xustiza obrigou á retirada da cruz franquista do Castro tras a denuncia doutra organización pola recuperación da memoria.
 
Foi en setembro de 2009, hai máis de cinco anos, cando o pleno municipal aprobou un acordo polo que se obrigaba á eliminación de 52 símbolos franquistas da cidade, entre eles o nome de 23 rúas, ademais de 4 placas en grupos de vivendas, 21 distincións honoríficas e outros 4 monumentos. Os votos a favor de PSOE e BNG e a abstención do PP fixeron posible o devandito acordo, do que pouco se soubo máis alá da colocación simbólica de novas placas que debían substituír as anteriores -como o caso da avenida de Oza en lugar de General Sanjurjo- e que acabaron por ser retiradas para manter a denominación anterior. O Concello licitara incluso por máis de 70.000 euros os traballos de retirada da simboloxías franquista e publicitara uns bosquexos sobre a futura imaxe das novas placas.
 
"Chegouse a contratar unha empresa pero nada se fixo; non sabemos o que pasou", confirma Pablo No, que aclara que o Concello deberá agora aclarar en que situación se atopa este acordo para a retirada da simboloxía franquista, claramente incumprido se reparamos na cantidade de rúas dedicadas a importantes persoeiros franquistas que se manteñen na Coruña. Quedan máis de vinte denominacións no rueiro (Viaducto del Generalísimo, praza General Mola, rúa Teniente Coronel Teijeiro, Cabo Santiago Gómez, División Azul, Alférez Provisional ou Avenida de los Caídos, entre outras) así como placas conmemorativas nalgún grupo de casas ou un baixorrelevo na sede do Concello que recorda a visita á cidade de Franco en 1939. Nada diso, que se acordara retirar naquel pleno municipal co goberno presidido polo socialista Javier Losada, foi suprimido. Coa chegada do popular Carlos Negreira á alcaldía, calquera intención de cumprir coa lei e co acordo foi paralizada.
 
Así, a CRMH lembrou que na Coruña "o incumprimento da Lei da Memoria Histórica é total" e considera que "é difícil atopar" un lugar onde se obvie como nesta cidade a normativa. "A compensación á que aludía o ex alcalde Francisco Vázquez, que lembraba a cantidade de rúas dedicadas a vítimas da ditadura ou republicanos ilustres, non serve; a lei obriga a retirar a simboloxía franquista", destacou Fernando Souto, presidente da Comisión.
 
Agora, e logo do silencio de máis dun ano que o Concello deu por resposta á CRMH, só queda esperar por unha sentenza que debería estar lista antes do vindeiro verán. Será daquela cando a xustiza determine o incumprimento ou non da lei e dos seus propios acordos por parte do goberno local da Coruña e cando, presuntamente, constante a evidencia do mantemento de rúas e simboloxía franquista nas rúas, unha situación que fora criticada pola ONU a través do seu relator na súa última visita a España. Daquela, as Nacións Unidas advertiran de que nos edificios da Administración central do Estado fora retirado o 86% da simboloxía. Na Coruña, e agás algunha excepción puntual como o caso da estatua de Millán Astray, nada se fixo aínda por acabar con ela.
 
O mantemento de rueiro franquista, maior cuantitavimante na Coruña, repítese en moitas outras vilas e cidades galegas. Onte mesmo, o BNG esixiu a retirada dos 13 símbolos franquistas aínda existentes en Vigo. A campaña Fascismo Nunca Máis identificou unha ducia de elementos ilegais en Vigo, Baiona e Nigrán e a formación denunciou o cumprimento da Lei de Memoria Histórica. Noutra outras vilas e urbes do país tamén se mantén simboloxía da ditadura.

Nenhum comentário:

Postar um comentário