O Alcalde socialisto de Vigo é condenado pola xusticia a derrubala de urxencia pero segue negándose

domingo, 22 de fevereiro de 2015

A CRMH entregou unha carta a Felipe de Borbón para que borre o franquismo das rúas

 
Sr. D. Felipe Borbón
Rei de España
Casa Real. Palacio da Zarzuela
Madrid
 
A Coruña, 18 de febreiro de 2015
 
Fernando Souto Suárez, con DNI XX.XXX.XXX en nome e representación da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH), con enderezo na rúa Olmos 16-18, 1º 15002 A Coruña, inscrita no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia, e con CIF G-70026687, quere aproveitar a súa visita oficial á cidade da Coruña do próximo 19 de febreiro, a primeira despois da súa coroación, para desexarlle unha boa estancia, seguro que con sol, e facerlle chegar unha serie de consideracións e peticións.
 
Pouco despois da súa coroación o 19 de xuño de 2014, recibía vostede o 21 de xuño, no seu primeiro acto oficial como rei de España, a máis de corenta representantes de asociacións e fundacións de vítimas do terrorismo, manifestando vostede a súa solidariedade e que nunca esquecerán o seu sufrimento e dolor. Nós compartimos eses sentimentos, pero vostede esqueceu no seu discurso de coroación ás vítimas do peor dos terrorismos, o terrorismo de Estado, unha ditadura criminal que sufrimos durante 40 anos e que foi equiparada pola ONU en 1946 cos réximes da Alemaña nazi de Hitler e do fascismo da Italia de Mussolini. Por outra parte, vostede aínda non dixo nada da contribución das vítimas do franquismo á conquista da democracia e das liberdades.
 
Despois de 40 anos da morte do ditador Franco, aquí hai 150.000 desaparecidos (caso único a nivel mundial e unha auténtica vergoña de Estado), miles de nenos e nenas roubados polo franquismo; máis de 2.400 fosas comúns que aínda están sen exhumar. Estamos a falar de crimes contra a humanidade que non prescriben, segundo a ONU. Son centos de miles de familias que, como vítimas da represión franquista, teñen dereito á verdade, xustiza e reparación por parte do Estado. Dereito que está recollido en numerosas recomendacións e resolucións que durante 2013 e 2014 fixeron distintos organismos da Nacións Unidas, despois de visitar España.
 
 Vostede sabe que España é hoxe un refuxio de criminais e non estamos a falar das mafias estranxeiras, senón de persoas acusadas pola xuíza arxentina María Servini, dentro da chamada Querela Arxentina contra os crimes do franquismo. O goberno de España négase a facilitar a extradición de policías torturadores e ministros da ditadura que, en virtude da xustiza universal, deberían comparecer ante a citada xuíza. Consideramos que isto non contribúe nada a difundir o prestixio da “Marca España”.
 
 Non só están esquecidas as vítimas do franquismo, senón que se conceden todo tipo de honores e distincións a golpistas e criminais; continúan con títulos nobiliarios os fillos e netos, e ocupan os nomes das nosas rúas e espazos públicos.
 
A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, mediante carta dirixida ao rei Juan Carlos, xa pedimos o 19 de novembro de 2009 a retirada de títulos nobiliarios, cun resultado negativo. Estes son algúns dos títulos concedidos polo ditador Franco ou polo rei Juan Carlos a persoas que se sublevaron contra a democracia e o réxime constitucional da II República, que cometeron crimes contra a humanidade e que non merecen ningún tipo de recoñecemento social:
 
-Marquesado de Arias-Navarro, concedido polo rei Juan Carlos a Carlos Arias Navarro, mediante Decreto de 2 de xullo de 1976, ao día seguinte de presentar a súa demisión como Presidente do Goberno. Carlos Arias Navarro era coñecido popularmente como “Carnicero de Málaga” polo seu papel como fiscal na represión da poboación de Málaga, cando en febreiro de 1937 cae en poder dos fascistas. Na fosa do cemiterio desta cidade hai 4.471 persoas asasinadas (349 son nenas e nenos) e xa foron exhumadas 2.840. Como unha persoa implicada na represión criminal da ditadura franquista e no asasinato de miles de persoas, pode recibir do xefe do Estado unha distinción honorífica como un marquesado e o título de “Grande de España”?
 
-Ducado de Franco, con Grandeza de España, concedido polo rei Juan Carlos o 26 de novembro de 1975, mediante Decreto Lei 18/1975, a Carmen Franco Polo, filla do ditador. ¿Como se poden conceder estes honores e recoñecemento social a un ditador, poucos días despois do seu falecemento?
 
-Señorío de Meirás, creado polo rei Juan Carlos o 26 de novembro de 1975, con Grandeza de España, para Carmen Polo Martínez Valdés. Este título nobiliario desapareceu cando morreu a viúva do ditador Franco en febreiro de 1988, pero a solicitude do neto maior do ditador, o rei Juan Carlos asinaba un decreto para que fose Francisco Franco Martínez Bordiu o novo titular do Señorío de Meirás. Sería posíbel en países democráticos como Alemaña ou Italia a existencia dos Señoríos de Hitler ou Mussolini? O pazo de Meirás non foi un regalo do pobo a Franco, senón un auténtico roubo, adquirido cos descontos que se facían nas nóminas de traballadores e funcionarios e coas achádegas dos concellos. Desde a Comisión pola recuperación da Memoria Histórica levamos anos reivindicando a devolución do pazo roubado ao patrimonio público.
 
-Ducado de Mola, concedido a título póstumo o 18 de xullo de 1948, polos servizos prestados ao rexime fascista polo xeneral Emilio Mola Vidal. Este militar foi un dos dirixentes da sublevación en 1936 contra o réxime democrático e constitucional da II República. Como pode recibir este golpista, terrorista e criminal unha distinción nobiliaria con Grandeza de España? A orde 556/2009 de 20 de febreiro de 2009 do ministerio de Xustiza recollía a Real Carta de Sucesión no título de Duque de Mola a favor de Emilio Mola Pérez de Laborda, por falecemento do seu pai Emilio Mola Bascón.
 
-Marqués de Queipo de Llano, concedido en 1950 a favor do fillo do xeneral Queipo de Llano e posteriormente, en 2012, a favor do neto Gonzalo Queipo de Llano Mencos. O xeneral Gonzalo Queipo de Llano y Sierra, figura destacada da sublevación de 1936, chamaba a cometer terribles violacións dos dereitos humanos. Así, na arenga na radio dicía o 23 de xullo de 1936: “Nuestros valientes legionarios y Regulares han enseñado a los cobardes de los rojos lo que significa ser hombre. Y, de paso, también a las mujeres. Después de todo, estas comunistas y anarquistas se lo merecen, ¿no han estado jugando al amor libre? Ahora por lo menos sabrán lo que son hombres de verdad y no milicianos maricas. No se van a librar por mucho que forcejeen y pataleen”.
 
-Marqués de San Leonardo de Yagüe, concedido en 1953 a favor de Juan Yagüe. O xeneral Juan Yagüe é coñecido como o “Carnicero de Badajoz” polos crimes cometidos. Despois da matanza da praza de touros de Badajoz, declaraba: Naturalmente que los hemos fusilado ¿Pensaban que me llevaría conmigo a 4.000 rojos mientras mi columna avanzaba luchando contrarreloj? ¿Debía dejarlos en libertad a mis espaldas, permitiéndoles que hicieran nuevamente de Badajoz una ciudad roja?”.
 
-Duque de Carrero Blanco, concedido a título póstumo en 1973 a Luis Carrero Blanco. Foi íntimo colaborador do ditador Franco. Despois da sublevación fascista, busca refuxio nas embaixadas en Madrid de México e de Francia para non apoiar o goberno da II República. En 1937 conseguiu pasar á zona franquista, na cal prestou servizo como enlace naval ás ordes do xeneral Dávila, intervindo en operacións da fronte de Santander, mandando o destrutor "Huesca" e o submarino "Sanjurjo", e desempeñando o cargo de xefe do Estado Maior da División de Cruceiros. Nomeado xefe de operacións do Estado Maior da Armada, foi subsecretario da Presidencia do Goberno, conselleiro nacional de FET e das JONS, vicepresidente segundo das Cortes, ministro vicealmirante, almirante, vicepresidente e presidente do Goberno franquista.
 
-Marqués de Dávila, concedido o 18 de xullo de 1949 a favor de Fidel Dávila Arrondo, xeneral que participou no golpe de Estado de 1936 e foi ministro do Exército nos primeiros gobernos franquistas.
 
-Conde do Alcázar de Toledo, concedido o 18 de xullo de 1948 a favor de José Moscardó e Ituarte, que encabezou a sublevación militar en Toledo. A placa dedicada nesta cidade “Al heroico general D. José Moscardó. La Ciudad Imperial”, foi retirada en 2010, en cumprimento da Lei de Memoria Histórica.
 
Marqués de Varela de San Fernando, concedido en 1951 a título póstumo a favor do seu fillo José Enrique Varela Ampuero. O capitán xeral José Enrique Varela Iglesias participou na sublevación de 1936. Renova o título o 18 de decembro de 2013 o seu neto José Enrique Varela Urquijo.
 
-Marqués de Somosierra, concedido o 1 de abril de 1952 a favor de Francisco García- Escámez e Iniesta, militar que colaborou co xeneral Mola na preparación da sublevación militar de 1936. O seu neto, Francisco García-Escámez Pablos, renovaba o título en 2008.
 
-Duque de Calvo Sotelo, concedido a título póstumo o 18 de xullo de 1948. José Calvo Sotelo foi o portavoz fascista máis destacado durante a II República, con constantes convites á sublevación militar contra o goberno constitucional, manifestaba que “España podrá salvarse con una fórmula de Estado autoritario y corporativo”. Declarado partidario do fascismo, participou activamente na organización do Golpe de Estado, que se executou despois do seu asasinato. O coruñés e presidente do Goberno, Santiago Casares Quiroga, acusaba nas Cortes a Calvo Sotelo de facer propaganda entre o exército para provocar a súa sublevación.
 
-Duque de Primo de Rivera, concedido a título póstumo o 18 de xullo de 1948 a favor de José Antonio Primo de Rivera e Sáenz de Heredia, fundador de Falange Española.
 
-Marqués de Kindelán, concedido o 1 de outubro de 1961 a favor de Alfredo Kindelán y Duany, que foi xefe da forza aérea franquista. O seu neto, Alfredo Kindelán y Camp renovaba o título en 1991.
 
-Marqués de Saliquet, concedido o 1 de abril de 1950 a favor de Andrés Saliquet Zumeta, militar que participou activamente na preparación da sublevación militar de 1936 e que foi, posteriormente, Capitan Xeral da I Rexión M. ilitar (Madrid). Desde 1960 a titular é a súa neta María Luisa Saliquet Balbás.
 
Despois de máis de sete anos da aprobación da chamada Lei da Memoria Histórica e cinco anos despois da aprobación dun acordo plenario do concello da Coruña para retirar 52 símbolos franquistas, o goberno municipal mantén esa simboloxía franquista e a entrada principal do palacio municipal de María Pita está presidida por un escudo franquista, que é ilegal desde 1981.
 
Hoxe A Coruña é a capital da simboloxía franquista: xeneral Mola, xeneral Sanjurjo, xeneral Gómez Zamalloa, División Azul, Los Caídos, Juan Canalejo etc. Como é posíbel que Emilio Mola leve aínda o nome dunha rúa despois de planificar un xenocidio masivo e enviar o 19 de xullo de 1936 este tipo de instrucións?: “Hay que sembrar el terror (...) hay que dejar la sensación de dominio eliminando sin escrúpulos ni vacilación a todos los que no piensen como nosotros”. Así foron asasinadas polo fascismo máis de 5.000 persoas. Así foron asasinadas polo fascismo máis de 5.000 persoas en Galicia e máis de 600 na comarca da Coruña, entre eles: Francisco Pérez Carballo, gobernador civil; Rogelio Caridad Pita, gobernador militar; Enrique Salcedo Molinuevo, xeneral xefe da VIII División Orgánica; Alfredo Suárez Ferrín, alcalde da Coruña; Joaquín Martín Martínez, secretario do concello; Manuel Prado Allegue, xefe da Intervención Municipal; Francisco Prego Campos, xefe de Negociado do concello; Ánxel Casal, vicepresidente da Deputación e alcalde de Santiago; Manuel Quesada e Gonzalo Tejero, comandante e capitán das Forzas de Asalto; dirixentes de partidos como Ramón Maseda Reinante, presidente da Agrupación Socialista da Coruña; Pedro Galán Calvete, presidente das Mocidades Galeguistas. Dirixente sindicais como José Villaverde e José Boedo López, da CNT; Eugenio Carré Naya, secretario da Federación de Traballadores do Ensino-UXT.
 
 Como contribución á consolidación da democracia e como homenaxe e recoñecemento ás vítimas do franquismo, pedimos que tome vostede as seguintes iniciativas:
 
1.    Recibir en audiencia oficial ás asociacións de vítimas do franquismo de todo o Estado. A CRMH da Coruña, ofrécese para colaborar na organización desa audiencia.
 
2.    Retirada de títulos nobiliarios concedidos por Franco e o rei Juan Carlos a golpistas e persoas que cometeron crimes contra a humanidade porque un país democrático non pode facer un recoñecemento público e institucional, nin conceder títulos nobiliarios a aqueles persoas que se levantaron violentamente contra a democracia, asasinando a miles de persoas.
 
3.    Que como Xefe de Estado pida perdón polo silencio mantido até agora pola monarquía, respecto á ditadura franquista e condene todos os crimes contra a humanidade cometidos por ese réxime, que non prescriben, como xa fixeron a ONU e outros organismos internacionais.
 
4.    Aproveitando a visita oficial dos Reis á cidade da Coruña, visite o Memorial ás vítimas do franquismo, onde figuran os nomes das 600 persoas asasinadas polo franquismo na comarca, e visite tamén o monumento en Aranga, que lembra ás persoas que aínda están en numerosas fosas nese concello. Comprobe na entrada principal do palacio municipal a existencia dun escudo franquista, ilegal desde 1981, e esixa ao alcalde a retirada de toda a simboloxía franquista, en cumprimento da Lei de Memoria Histórica e do acordo plenario de 7 de setembro de 2009.
 
5.   Que faga xestións diante do Goberno para que facilite o traballo da xuíza arxentina María Servini, que investiga os crimes do franquismo, dentro da chamada Querela Arxentina, permitindo as extradicións das persoas solicitadas pola xuíza. E para que o Goberno derrogue a Lei de Amnistía de 1977, como reiteradamente solicitaron nos últimos anos delegacións de Nacións Unidas que visitaron España, para que poidan xulgarse os crimes do franquismo.
 
6.   Que esixa ao Goberno que poña os medios axeitados para a recuperación dos restos en fosas comúns de máis de 150.000 persoas, asasinadas polo franquismo, así como os nenos roubados polo réxime franquista.
 
Moitas grazas pola súa atención e quedamos o seu dispor para ampliar calquera información ou colaborar na execución das propostas que facemos.
 
A Coruña, 18 de febreiro de 2015.
Asdo. Fernando Souto Suárez, presidente da CRMH
 
 fernandosoutosuarez@yahoo.es

Nenhum comentário:

Postar um comentário